CMATI

|
|
|
Compartir

Augas continentais

Humidais

Segundo o convenio Ramsar sobre zonas húmidas, estas poden definirse como extensións de marismas, pantanos e turbeiras, ou superficies cubertas de augas, sexan estas de réxime natural ou artificial, permanentes ou temporais, estancadas ou correntes, doces, salobres ou salgadas, incluídas as extensións de auga mariña cuxa profundidade en marea baixa non exceda de seis metros.

As zonas húmidas son uns dos ecosistemas máis complexos, fráxiles e produtivos do planeta. Sustentan gran variedade de hábitats intermedios entre o ambiente acuático e o terrestre, reunindo a maioría de grupos animais (invertebrados, peixes, réptiles, anfibios, aves e mamíferos) e unha nutrida comunidade vexetal. En ocasións constitúen ambientes moi ameazados, con presenza de especies animais e vexetais en perigo.

Estes ecosistemas experimentan fortes variacións estacionais, pasando por períodos de inundación e seca. Os organismos que aquí habitan desenvolven adaptacións especiais para facerlles fronte a estes cambios extremos.

Entre a fauna máis característica destes ambientes podemos encontrar mamíferos como a lontra (Lutra lutra), que aínda que difícil de observar, é fácil confirmar a súa presenza polos rastros que deixa, como os excrementos cos que marca o seu territorio e que podemos atopar en forma de latrinas.

En turbeiras de interior destaca a presenza da lagarta das brañas (Lacerta vivipara) ou o brión Sphagnum pylaesii.

Quizais unha das especies máis ameazadas nas zonas húmidas de Galicia sexa o sapoconcho europeo (Emys orbicularis), asociado a contados sistemas de marisma e pantanosos da nosa xeografía.

Nos salgais destacan as pradarías de zosteras (Zoostera marina e Z. noltii), as formacións anuais e pioneiras de salicornias (Salicornia ramossisima e Sarcoicornia perennis), os pasteiros de Spartina maritima ou as extensas xunqueiras halófilas. En moitas ocasións, preto destes medios encóntranse áreas palustres caracterizadas fisionomicamente pola carriceira (Phragmites australis). Na carriceira está presente unha ave de especial interese pola súa endemicidade: a escribenta das canaveiras iberoccidental (Emberiza schoeniclus subsp. lusitanica), unha subespecie única de Galicia e norte de Portugal.


Por último, cabe sinalar a presenza en zonas húmidas dunha pequena libélula Coenagrion mercuriale, un diminuto odonato de cor azul e negra e cuxo nome fai referencia ao debuxo que presenta nun dos seus segmentos abdominais, que lembra o casco lendario do deus Mercurio.

Estes ambientes proporcionan importantes servizos ecolóxicos como o almacenamento de auga, control de inundacións, estabilización do litoral, mitigación da erosión, purificación das augas mediante a retención de nutrientes, sedimentos e contaminantes e estabilización das condicións climáticas locais, particularmente a precipitación e a temperatura.

En Galicia existen máis de 1000 zonas húmidas concentradas principalmente na zona litoral, sobre todo nas provincias da Coruña (70%) e Pontevedra (22%).

 

Ríos e regatos

O ambiente fluvial é un sistema complexo dende o manancial, onde nace o río, ata a súa desembocadura, caracterizándose pola súa notable interrelación co medio terrestre que percorre. Actualmente os ríos son considerados ecosistemas unidos lonxitudinalmente onde os procesos que se dan nos tramos baixos son consecuencia dos producidos nos tramos altos, nun concepto de variación en continuo das súas características. Ademais, a un determinado leito chegan outros secundarios denominados tributarios, que a súa vez poden recibir outros cursos constituíndo o conxunto unha rede ecolóxica a nivel de cunca hidrográfica.

Este tipo de ambientes ocupan gran parte do territorio galego, onde predominan os substratos ácidos, cursos de augas oligotróficas e un clima oceánico. Debido á accidentada orografía e xeoloxía de Galicia, unha grande parte dos tramos fluviais son de caudal máis ou menos rápido e turbulento onde predominan os procesos de erosión, transporte e almacenamento (o que tradicionalmente englobase nas zonas denominadas Crenon e Rhithron), e tan só os tramos medios e baixos de ríos de grande entidade (Miño e Sil), ou de media entidade que discorren por chairas corresponden a zonas onde predomina a deposición de materiais (Potamon).

Polo xeral, un río ben conservado leva asociado un bosque nas súas marxes. O bosque galería ou bosque de ribeira asociado ao leito fluvial representa unha descontinuidade paisaxística debido principalmente á maior dispoñibilidade hídrica respecto do contorno. A súa fisionomía en forma de franxa estreita e lineal vén condicionada polo manexo silvícola que realizou o ser humano sobre estas formacións arbóreas. Componse este bosque de especies caducifolias, dispostas en bandas paralelas ao leito en función das necesidades de humidade e da resistencia aos desbordamentos do río, e dun sotobosque, cuxo maior ou menor desenvolvemento depende das condicións de iluminación. A especie arbórea máis estendida en Galicia é o ameneiro (Alnus glutinosa), a máis higrófila de todas elas e por tanto a que se dispón máis preto do leito do río, seguida do salgueiro (Salix spp.) e do freixo (Fraxinus excelsior e F. angustifolia), ademais doutras especies arbóreas asociadas. O solo onde se asenta a vexetación está formado polos propios aluvións que deposita o río e carece de estrutura e dunha boa aireación. Os bosques riparios de ameneiro (Alnus glutinosa), considerados hábitats de interese comunitario pola Unión Europea, desempeñan un papel moi importante como medio favorable para a vida de multitude de especies (regulación da temperatura, fixación das marxes, achega de materia orgánica), e en moitas ocasións tamén actúan como corredores biolóxicos.

Como exemplos de bosque de ribeira ben conservado en Galicia atópanse o baixo Eume, constituído por un ameneiral tupido que apenas permite o desenvolvemento da comunidade de matogueira, así como o localizado na Reserva da Biosfera "Terras do Miño". Resulta frecuente encontrar o ameneiro con gran parte do sistema radical inmerso na auga grazas á súa capacidade para fixar nitróxeno por medio de nódulos bacterianos (actinorrizas). O solo sombrío do ameneiral encóntrase tapizado por herbáceas nemorais; entre as máis frecuentes están os fieitos Blechnum spicant e Osmunda regalis, así como outras herbáceas como Senecio bayonensis, Valeriana pyrenaica, Viola riviviana, etc.

Entre os peixes destaca pola súa ampla distribución nas nosas cuncas a troita (Salmo trutta) e algúns ciprínidos como a boga de río (Chondrostoma polylepis duriensis) ou o cacho (Leuciscus carolitertii). Máis limitada é a presenza de especies que baixan ao mar e teñen que regresar ao río para desovar, como o salmón atlántico (Salmo salar), a lamprea (Petromyzon marinus), o sábalo (Alosa alosa), ou que desovan no mar, como é o caso da anguía (Anguilla anguilla). Algunhas destas especies de peixes teñen como principal recurso alimenticio os abundantes invertebrados bentónicos que ocupan este medio como os tricópteros, os plecópteros, os efemerópteros e os odonatos, insectos moi frecuentes nos ríos galegos e entre os que atopa unha importante cantidade de taxóns endémicos. Entre este bentos fluvial tamén se atopan outros grupos menos visibles como ácaros acuáticos, samesugas, oligoquetos e moluscos. Dentro destes últimos atopamos dende gasterópodos amplamente estendidos, como unha pequena lapa (Ancylus fluviatilis), ata un bivalvo moi ameazado a nivel europeo, o mexillón de río (Margaritifera margaritifera), que destaca pola súa lonxevidade. Outros representantes deste grupo cun notable interese ecolóxico e biogeográfico que poboan algúns ríos galegos son Anodonta cygnea, Unio pictorum ou Potamida littoralis.

 

Entre os mamíferos dependentes dos ríos destaca a aguaneira (Galemys pyrenaicus), endemismo peninsular a nivel de xénero especialista na captura de macroinvertebrados acuáticos, para o que presenta unha pequena trompa dotada de sensibilidade aos cambios de presión da auga. Outros micromamíferos ligados a ambientes riparios son os murgaños de Cabrera e patiblanco (Neomys anomalus e N. feodiens respectivamente) ou o morcego das ribeiras (Myotys daubentonii). Como especialista na captura de peixes destacar a lontra (Lutra lutra), moi estendida nas nosas cuncas.

As aves máis representativas destes medios ocupan a canle aproveitando a riqueza de invertebrados acuáticos, como a lavandeira real (Motacilla cinerea) ou o merlo rieiro (Cinclus cinclus), ou de peixes, como o picapeixe (Alcedo athis). Outras especies aproveitan os frondosos bosques de ribera, como a papuxa picafollas (Sylvia borin), o reiseñor bravo (Cettia cetti) ou o ouriolo (Oriolus oriolus)