CMATI

|
|
|
Compartir

Escribenta das canaveiras (Emberiza schoeniclus subsp. lusitanica)

Descrición

Ten o tamaño dun pardal. En plumaxe nupcial, o macho caracterízase por ter a cabeza, a garganta e o papo de cor negra cun bigote branco que se prolonga polo peito e o ventre. Partes dorsais e ás de cor parda arroibada, con raias escuras. Rabadilla agrisada. As partes laterais da cola son de cor branca. Patas e bico escuros. Femia e inmaturos semellantes ao macho en inverno, isto é, apardazado na parte da cabeza.

Reprodución

Aniña en carriceiras, canaveiras ou espadanais. A finais da primavera incuban 4-5 ovos. Os polos voan ao cabo de dúas semanas. Poden poñer dúas postas.

Alimentación

A súa dieta baséase en sementes de plantas acuáticas e gramíneas, insectos e larvas.

Hábitat

Varía as súas preferencias segundo a estación do ano, pois en verán acode ás áreas húmidas de ríos, lagoas, estuarios..., mentres que en inverno prefire campos, cultivos e xunqueiras.

Distribución

Esta subespecie é endémica da península Ibérica, sen que se coñeza con precisión a súa área de distribución. Ocupa principalmente zonas húmidas costeiras con abundantes canaveiras, onde procura os insectos que compoñen a súa dieta durante a época de reprodución. Menos dun centenar de parellas reprodutoras en toda a comunidade, distribuídas polas provincias da Coruña e Pontevedra.

Estado de conservación

Ameazado principalmente pola destrución das zonas húmidas e pola intensificación agrícola, que reduce a dispoñibilidade dos grans dos que esta especie se alimenta ao longo do inverno.

Categoría de conservación

En perigo de extinción.

Nome común Escribenta das canaveiras Nome científico Emberiza schoeniclus subsp. lusitanica Clase Aves Familia Emberizidae

Documento/s relacionados
Subir