CMATI

|
|
|
Compartir

Descrición

A Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio (CMAOT) a través do Instituto de Estudos do Territorio (IET) iniciou súa participación no proxecto “Celebrando a Gobernanza da Biodiversidade (BIOGOV)”, cofinanciado polo programa INTERREG EUROPE, no que se utilizará a gobernanza participativa para desenvolver plans de acción para a posta en valor e mellora da infraestrutura verde de Galicia, na que se está traballando desde este departamento da Xunta de Galicia.

A gobernanza participativa consiste na cooperación entre os axentes que actúan no territorio para acadar un obxectivo común tendo en consideración os diferentes puntos de vista. Propietarios de terras, agricultores, gandeiros ou silvicultores, organizacións ambientalistas ou de custodia do territorio, a administración, consumidores e emprendedores traballarán conxuntamente para acadar un fin común establecendo alianzas e acordos. O obxectivo é definir e implementar plans de acción que favorezan a conectividade entre os espazos de maior valor natural a través da mellora, implementación e naturalización de bosques, prados, pasteiros e sebes, favorecendo así a mobilidade das poboacións e a posta en valor dos valores paisaxísticos, da biodiversidade e dos servizos ecosistémicos no contexto da infraestrutura verde de Galicia.

Esta cooperación entre os axentes territoriais inclúe o intercambio de información, o diálogo, a deliberación e a exploración de novos modelos de toma de decisións compartidas. Isto implicará establecer regras formais e informais para a toma de decisións no proceso de elaboración dos plans de acción que se definirán de forma consensuada na primeira fase do proxecto. A segunda fase do proxecto consistirá na implementación de dous plans de acción en dúas zonas piloto.

Para o desenvolvemento destes plans contarase co apoio e o coñecemento proporcionado polo intercambio de experiencias entre os oito socios do proxecto: Provincia de Fyslan (Países Bajos), Axencia do Territorio Flamenca (Países Bajos), Rexión de Lodzkie (Polonia), Axencia de Protección Ambiental de Mures / Fundación ADEPT de Transilvania (Rumanía), Asociación de Xestión Búlgara (Bulgaria), Administración do Condado de Västra Götaland (Suecia), Instituto Forestal Esloveno (Eslovenia) e Instituto de Estudos do Territorio de Galicia. O proxecto inclúe unha serie programada de reunións de traballo e servizos de asesoramento entre os socios, de xeito que a participación nesta aprendizaxe interrexional servirá para coñecer as mellores prácticas que se están a implementar en cada país co fin de avaliar a súa posible aplicación noutras zonas. As visitas de estudo permitirán que o persoal do proxecto se reúna cos axentes que están actuando no territorio e poidan discutir sobre o terreo a mellora das políticas que se están implementando co fin de diminuír a perda da biodiversidade e dos valores da paisaxe.

Documento/s relacionados
Ligazon/s relacionadas