CMATI

|
|
|
Compartir

Plan xeral de ordenación municipal (PXOM)

Os plans xerais de ordenación municipal deben someterse ao procedemento ordinario de avaliación ambiental estratéxica.

Lexislación de referencia

• Lei 2/2016, do 10 de febreiro, do solo de Galicia (artigo 60)
• Regulamento que desenvolve a Lei 2/2016, do 10 de febreiro, do solo de Galicia (artigos 144 a 147)
• Orde do 10 de outubro de 2019 de aprobación das normas técnicas de planeamento urbanístico de Galicia
• Lei 9/2021, do 25 de febreiro, de simplificación administrativa e de apoio á reactivación económica de Galicia

O procedemento de aprobación do PXOM comprende as seguintes fases:

1. Solicitude de inicio

O concello promotor do plan trasladará ao órgano ambiental a solicitude de inicio da avaliación ambiental estratéxica ordinaria, un borrador do plan co contido necesario para a súa análise urbanística e o documento inicial estratéxico.

A documentación do plan (escrita e gráfica) deberá estar adaptada ás Normas técnicas de planeamento urbanístico de Galicia.

O órgano ambiental comprobará, no prazo máximo dun mes, que a documentación está completa. De non ser así, solicitará que se acheguen os documentos preceptivos.

2. Consultas previas

O órgano ambiental someterá a documentación completa recibida ás consultas do órgano competente en materia de urbanismo, das demais administracións públicas afectadas e das persoas interesadas, que se pronunciarán no prazo máximo de 30 días hábiles.

3. Documento de alcance (DA)

O órgano ambiental formulará o documento de alcance do estudo ambiental estratéxico, no que determinará a amplitude, nivel de detalle e grado de especificación que debería ter o estudo ambiental estratéxico.  

4. Estudo ambiental estratéxico (EsAE)

O concello elaborará o estudo ambiental estratéxico atendendo aos criterios contidos no documento de alcance. Tendo en conta o estudo ambiental estratéxico, o concello elaborará a versión inicial do plan.

5. Información pública e consultas

O concello, logo de obter informe dos servizos técnicos e xurídicos municipais sobre a conformidade do plan coa lexislación vixente, procederá á súa aprobación inicial e someterá o documento a información pública. A documentación sometida a información pública abranguerá todos os documentos integrantes do expediente tramitado, incluídos un resumo executivo, o estudo ambiental estratéxico e un resumo non técnico do estudo ambiental estratéxico.
O resumo executivo conterá, como mínimo, os seguintes extremos:
a) Os ámbitos nos que a nova ordenación altere a vixente, cun plano da súa situación e indicación do alcance da dita alteración.
b) No seu caso, os ámbitos nos que se suspenda o outorgamento de licencias e a tramitación doutros procedementos, indicando a duración da suspensión.

O concello trasladará esta documentación ao órgano competente en materia de urbanismo, o cal realizará as dará audiencia aos municipios limítrofes e solicitará os informes autonómicos preceptivos. O concello deberá solicitar, no momento en que corresponda, os demais informes que resulten preceptivos.

6. Proposta final do plan

Tendo en conta os informes, observacións e alegacións presentados durante o trámite de información pública e de consultas, o concello modificará, de ser preciso, o estudo ambiental estratéxico e elaborará a proposta final do plan, que remitirá ao órgano ambiental xunto co expediente de avaliación ambiental estratéxica completo constituído por: 

• Proposta final do plan
• Estudo ambiental estratéxico
• Resultado da participación pública e consultas
• Documento resume que describa como se integraron na proposta final do plan os aspectos ambientais, o estudo ambiental estratéxico, a súa adecuación ao documento de alcance e o resultado das consultas.

No informe de participación pública e consultas farase unha descrición do procedemento seguido, indicaranse os medios empregados para a difusión do plan, incluirase unha relación das Administracións públicas consultadas -coas datas de solicitude e resposta- e persoas interesadas participantes, e achegarase copia dos informes sectoriais recibidos e das alegacións con contido ambiental (por exemplo, de grupos ambientalistas).

7. Declaración ambiental estratéxica (DEAE)

O órgano ambiental, tras realizar a análise técnica do expediente, formulará a declaración ambiental estratéxica.

8. Proposta definitiva do plan

O concello incorporará no plan o contido da declaración ambiental estratéxica, introducindo as modificacións que sexan necesarias, indicará as medidas adoptadas para o seguimento dos efectos no ambiente da aplicación do plan, e elaborará un extracto que incluíra os seguintes aspectos (artigo 82 da Lei 2/2016 e no artigo 199.2 do RLS):
a) Xustificación da integración no plan dos aspectos ambientais.
b) Xustificación de como se tomaron en consideración no plan o estudo ambiental estratéxico, os resultados da información pública e das consultas e a declaración ambiental estratéxica, así como, se é o caso, as discrepancias xurdidas no proceso.
c) Razóns da elección da alternativa seleccionada, en relación coas alternativas consideradas.

No caso de que se introducisen modificacións que impliquen un cambio substancial do documento inicialmente aprobado, realizarase un novo trámite de información pública.

Logo do informe dos servizos xurídicos e técnicos municipais respecto da integridade documental do expediente, das actuacións administrativas realizadas e da conformidade do plan coa lexislación vixente, o concello aprobará provisionalmente o plan, coas modificacións que sexan pertinentes.

O expediente completo, debidamente dilixenciado, remitirallo á Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo.

9. Aprobación definitiva

  • Concellos con poboación superior a 50.000 habitantes: A consellaría competente en materia de urbanismo, no prazo de tres meses contados desde a entrada do expediente completo no rexistro da consellaría, emitirá informe preceptivo e vinculante as cuestións que especifica a Lei 2/2016 no apartado 15 do seu artigo 60. Transcorrido este prazo sen que se comunicase o informe solicitado, entenderase emitido con carácter favorable e poderá continuar a tramitación do plan. Correspóndelle ao órgano competente municipal a aprobación definitiva do plan.
  • Concellos con poboación igual ou inferior a 50.000 habitantes: A consellaría, no prazo de tres meses, contados desde a entrada do expediente completo no rexistro da consellaría, adoptará motivadamente lgunha das seguintes decisións: aprobar definitivamente o plan nos termos nos que se formula, aprobar definitivamente o plan coas condicións que se xulguen necesarias, aprobar parcialmente o plan, ou non outorgar a aprobación definitiva. O plan xeral entenderase aprobado definitivamente se transcorren tres meses desde a entrada do expediente completo no rexistro do órgano competente sen que este comunicase a resolución, sempre que o plan conteña os documentos e determinacións preceptivos.

10. Publicidade

Logo da aprobación definitiva do plan xeral, publicarase no Diario Oficial de Galicia o seguinte:

•  O acordo de aprobación definitiva
•  A indicación das medidas adoptadas para o seguimento dos efectos no medio ambiente
•  A referencia ao enderezo electrónico no que figurará o contido íntegro do plan
•  O extracto elaborado con carácter previo á aprobación definitiva do documento, que incluirá os seguintes aspectos:
        - Xustificación da integración no plan dos aspectos ambientais.
        - Xustificación de cómo se tomaron en consideración no plan o estudo ambiental estratéxico, os resultados da información pública e das consultas, a declaración ambiental estratéxica, así como, se de ser o caso, as discrepancias xurdidas no proceso.
        - Razóns da elección da alternativa seleccionada, en relación coas alternativas consideradas.

Órgano ambiental

Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda
Dirección Xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático
Edificio administrativo de San Lázaro s/n
15781 Santiago de Compostela

 

Documento/s relacionados
  • Procedemento de aprobación do plan xeral Descargar
  • Fluxograma do procedemento Descargar
Contacto/s relacionados