ANTECEDENTES
A Lei de ordenación do territorio de Galicia, no seu Artigo 10 di que por “Decreto do Consello da Xunta de Galicia determinarase o procedemento que regule o seguimento e posta ao día dos obxectivos e determinacións das Directrices de ordenación do territorio”.
Para o cumprimento deste mandato, así como da determinación 10.1.19 das Directrices de ordenación do territorio na que establece que a Xunta de Galicia impulsará un sistema de seguimento da sustentabilidade territorial das DOT, procedeuse á creación dunha Comisión de Seguimento, responsable de desenvolver e adaptar o sistema de indicadores aplicándoo proporcionalmente ao grao de desenvolvemento das DOT, a fin de dar cumprimento ao plan de seguimento.
CREACIÓN
Ao amparo do Decreto 156/2012, do 12 de xullo, crease a Comisión de Seguimento das Directrices de Ordenación do Territorio de Galicia, que, ademais da descrita, ten asignadas as funcións de: identificar a contribución das propostas e plans estratéxicos de Galicia cara á sustentabilidade territorial; propoñer medidas para corrixir as posibles desviacións, así como posibles efectos non considerados inicialmente; facer valoracións globais e particularizadas a través de informes da integración efectivamente conseguida; fixar as pautas e os criterios de interpretación precisos para a elaboración da memoria prevista no artigo 11 da Lei 10/1995, do 23 de novembro, de ordenación do territorio de Galicia; establecer a composición e funcionamento dos grupos técnicos de traballo, por proposta do Instituto de Estudos do Territorio e calquera outra función que puidese ter relación coa natureza da Comisión de Seguimento das Directrices de Ordenación do Territorio de Galicia.
COMPOSICIÓN
A Comisión de Seguimento das Directrices de Ordenación do Territorio de Galicia está composta polos/as seguintes membros:
1. Presidente/a: a persoa titular da consellería competente en materia de ordenación do territorio.
2. Vicepresidente/a: o/a director/a do Instituto de Estudos do Territorio.
3. Vogais:
3.a) Un/unha representante designado/a pola secretaría xeral competente en materia de avaliación ambiental.
3.b) Un/unha representante designado/a pola secretaría xeral competente en materia de ordenación do territorio.
3.c) Un/unha representante do órgano central de estatística da Comunidade Autónoma.
3.d) Un/unha representante designado/a pola secretaría xeral competente en materia de urbanismo.
3.e) Un/unha representante designado/a pola consellería competente en materia de administración local.