CMATI

Vostede está en:
|
|
|
Compartir

Atlas da Paisaxe dos Camiños Xacobeos

Paisaxe e rutas xacobeas son dúas das principais marcas de identidade do territorio de Galicia, que o fan recoñecible, singular e merecente de respecto e de admiración.

Existen moitas acepcións do termo paisaxe, probablemente tantas como disciplinas e enfoques que a poden abordar, pero sobre todas elas, ou mesmo como unha conxunción de consenso, podemos dicir que a paisaxe é todo o que rodea ás persoas, e como tal está composta por unha combinación de feitos físicos, tanxibles en maior ou menor medida, e elementos intanxibles, asociados á herdanza cultural e á memoria. As infinitas combinacións posibles entre todos eses factores xeran unha multiplicidade de paisaxes, todas elas cun carácter propio e diferenciado, que van dese as paisaxes naturais, moi pouco transformadas pola intervención humana, ata as áreas urbanas, máxima expresión da construción antrópica da contorna.

As rutas xacobeas constitúen un fabuloso fío condutor que permite observar, e tamén comprender, múltiples tipos de paisaxes presentes en Galicia. De feito, ao longo dos tramos dos diferentes Camiños, estes nos agasallan con todos os variados valores que caracterizan as paisaxes de Galicia: as aperturas panorámicas con amplas vistas que se desfrutan dese cumios e sendas; as contornas naturais nas que dominan as formas xeolóxicas, a vexetación e os elementos hidrolóxicos; as áreas nas que a intervención das persoas ao longo de séculos deixou pegadas construídas de elevado valor cultural; zonas caracterizadas pola explotación racional dos recursos agrarios, gandeiros e forestais; e tamén os territorios máis transformados, nos que maioritariamente reside e traballa a poboación.

Os Camiños de Santiago constitúen, pois, un dos mellores escaparates de Galicia, xa que permiten, tanto á poboación local como aos visitantes, un achegamento moi preciso e significativo ás diferentes realidades que nutren, a través das paisaxes, a identidade territorial de Galicia.

Esta publicación pretende recoller, coa entidade que corresponde, esa íntima relación entre as rutas xacobeas e as paisaxes que atravesan, co obxectivo de capturar e mostrar unhas esencias das experiencias que aquelas nos ofrecen.