CMATI

Vostede está en:
|
|
|
Compartir

Guía de Boas Prácticas para a Integración Paisaxística das Áreas Empresariais

Os polígonos e áreas empresariais naceron coa intención de afastar actividades molestas dos núcleos de poboación, creándose así un novo tipo de infraestrutura urbana adaptada ás necesidades funcionais das empresas. Esa compoñente funcional foi, en case todos os casos, o criterio fundamental para o deseño e a ordenación deste tipo de áreas, deixando menos atendidos outro tipo de requirimentos, como a adecuada organización dos espazos públicos, a presenza de elementos vexetais, o mobiliario urbano, ou as características das edificacións.

Esta situación derivou en que moitas das áreas empresariais presentan hoxe un conxunto de problemáticas, que afectan xa non só ás condicións de integración paisaxística, senón á propia funcionalidade dos espazos: diferentes acabados do pavimento, materiais de pouca calidade, descontinuidades nas beirarrúas, desorde na circulación e no estacionamento de vehículos ou falta de vexetación e solucións naturais que humanicen a contorna.

O desenvolvemento de actividades económicas non debe ser incompatible coa creación de espazos públicos coidados e ambientalmente sostibles. Na planificación e xestión dos polígonos empresariais debe compatibilizarse a súa funcionalidade económica coas vantaxes que ofrece unha contorna agradable para o traballo, con solucións que melloren a calidade do aire, reduzan a demanda enerxética e que, en definitiva, supoñan un sinal de calidade e identidade para o propio polígono.

As áreas empresariais constitúen unha tipoloxía específica de paisaxe urbana, na que tamén deben aplicarse os principios do Convenio Europeo da Paisaxe (Florencia, 2000) e da lexislación sobre protección da paisaxe, Lei 7/2008, do 7 de xullo, de protección da paisaxe de Galicia, o seu Regulamento de desenvolvemento (Decreto 96/2020, do 29 de maio), e as Directrices de paisaxe (Decreto 238/2020, do 29 de decembro).

As Directrices de paisaxe conteñen unha serie de normas e recomendacións específicas para as áreas empresariais, orientadas precisamente a acadar os mellores resultados posibles na integración territorial e paisxística deste tipo de espazos.

A presente guía ten por obxecto afondar na análise das anteditas problemáticas, e avanzar na consideración de medidas e solucións eficaces e concretas para conseguir os obxectivos e os criterios que expresan as Directrices de paisaxe.

Para tal fin, a guía, logo dunha sintética análise da situación actual, aborda os condicionantes e a presentación de criterios de deseño para unha seríe de elementos: a consideración da contorna, accesos, aspectos xerais de deseño, adaptación á topografía, vías principais e interiores, vías de bordo, espazos públicos, paseos peonís, interseccións de vías, alumeado, parcelas, edificacións e colectores de residuos.

En cada un deses apartados expóñense os aspectos principais que condicionan e rexen o deseño e a xestión de cada elemento, expresando tanto as problemáticas detectadas como posibles solucións e boas prácticas para evitalas ou, mesmo, emendalas.

Finalmente, a guía aborda un aspecto especialmente relevante, como é a conservación, tanto de edificios como das espazos públicos (viario e zonas verdes), desde o convencemento da importancia que tén o mantemento e xestión permanente das áreas empresariais.

En definitiva, con esta nova publicación da Colección Paisaxe Galega pretendemos dar un paso adiante para incorporar a consideración na paisaxe nunha das ramas de actividade da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, como é a relativa ao solo empresarial, sempre na procura de facer compatible a disposición de bases para o desenvolvemento económico cos requirimentos de sostibilidade ambiental e calidade paisaxística.