CMATI

Vostede está en:
|
|
|
Compartir

Guía de Boas Prácticas nos Carteis Publicitarios

O Convenio Europeo da Paisaxe (Consello de Europa, 2000) iniciou unha nova etapa na consideración da paisaxe, que cristalizou en Galicia no ano 2008 coa entrada en vigor da Lei 7/2008, do 7 de xullo, de protección da paisaxe.

Un dos piares deste novo entendemento é a consideración global da paisaxe, pois xa non se limita só á preocupación e atención a determinados lugares ou elementos senlleiros, senón que amplía o foco a calquera contorna perceptible polas persoas.

Esta perspectiva inclúe, por tanto, paisaxes naturais e sobresaíntes, pero tamén paisaxes rurais, urbanas, industriais, e mesmo ámbitos nos que por determinados motivos se produciu un deterioro ou perda de valores paisaxísticos.

Así mesmo, a consideración “holística” leva a ter en conta elementos compositivos das paisaxes que pola súa intervención, directa ou indirecta, inflúen na conformación dos diferentes caracteres que definen a ampla tipoloxía de paisaxes presentes en Galicia.

Entre eses elementos compositivos atopamos os carteis e demais elementos de sinalización e identificación de establecementos, organismos ou equipamentos.

Trátase de elementos que normalmente se asocian coas paisaxes urbanas, na medida en que é nas vilas e cidades onde se asentan os establecementos comerciais e outras dotacións propias da vida comunitaria. Pero a cartelería incide tamén máis alá das cidades, e está presente nas paisaxes rurais e naturais.

Por tanto, na liña marcada polas anteriores guías da Colección Paisaxe Galega, coa “Guía de boas prácticas nos carteis publicitarios” a Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda pretende ofrecer unha aproximación aos factores que enmarcan a cuestión de como incide a cartelería na composición das escenas paisaxísticas, e consecuentemente propor un catálogo de boas prácticas e exemplos que están orientados a mellorar o estado das paisaxes.

Na elaboración da guía tivéronse en conta aspectos importantes, como os dereitos de propiedade intelectual e a incidencia da normativa urbanística na colocación e deseño dos carteis publicitarios. Así mesmo tivéronse presentes determinadas experiencias e reflexións sobre esta materia, entre as cales queremos mencionar as análises e estudos de campo que desenvolveu a Escola de Arte e Superior de Deseño Pablo Picasso, cuxa achega resultou de interese na elaboración da guía.

Os contidos da guía estrutúranse sobre a base da identificación de distintos tipos de paisaxes, que van desde os cascos históricos ata as zonas rurais, pois cada unha desas zonas presentan unhas peculiaridades propias que determinaron a procedencia de establecer tamén recomendacións e referencias específicas.

Como o resto de volumes da Colección Paisaxe Galega, esta guía pretende ser unha ferramenta de referencia e axuda, dirixida tanto ás Administracións Públicas como aos particulares, para avanzar na investigación e aplicación de boas prácticas para a integración paisaxística, en consonancia coas políticas de protección, xestión e ordenación da paisaxe que propugnan o Convenio Europeo da Paisaxe e a Lei 7/2008, do 7 de xullo, de protección da paisaxe de Galicia.

Ángeles Vázquez Mejuto

Conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda